A BANDA DE RIBADEO OFRECE O SEU TRADICIONAL CONCERTO DE NADAL AQUÍ COMO EN VIENA O VINDEIRO MARTES NO AUDITORIO HERNÁN NAVAL. A ENTRADA É DE BALDE ATA COMPLETAR O AFORO, PERO OS ASISTENTES DEBERÁN PRESENTAR O CERTIFICADO DE VACINACIÓN CONTRA O CORONAVIRUS

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal, titulado Aquí como en Viena, o vindeiro martes, día 28 de decembro, ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval. A entrada é de balde ata completar o aforo, pero para asistir é obrigatorio presentar o certificado de vacinación contra o coronavirus.
 
O director da Banda ribadense, David Ballester, anunciou que “chegadas as datas do Nadal temos, como non podía ser menos, o concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo Aquí como en Viena, que celebraremos o martes 28 de decembro ás oito e media da tarde no auditorio Hernán Naval. Vai ser un concerto con dúas partes: a primeira un pouco máis lúdica e amena, con obras que seguramente coñeza bastante o público asistente; e unha segunda parte dedicada a Viena, con polcas e valses típicos, que se soen interpretar no concerto de Aninovo da Orquesta Filarmónica de Viena”.
 
David Ballester engadiu que “como novidade, pola situación que estamos vivindo actualmente por culpa da pandemia e pola normativa que sacou ultimamente a Xunta, vai ser obrigatorio o pasaporte Covid para poder asistir ao concerto. A entrada é de balde ata completar o aforo, pero para poder acceder será por rigorosa orde de chegada e mostrando ese pasaporte Covid, ao que os menores de 12 anos non están obrigados”.
 
O director da Banda de Ribadeo remata invitando “á xente a que se achegue ao auditorio Hernán Naval o martes 28 de decembro ás oito e media da tarde, pero hai que insistir na distancia de seguridade, no uso obrigatorio de mascarilla e no pasaporte Covid, que será necesario para poder acceder”.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...