A BANDA DE RIBADEO OFRECEU O SEU TRADICIONAL CONCERTO DE NADAL AQUÍ COMO EN VIENA NO AUDITORIO MUNICIPAL, QUE ESTIVO ATEIGADO DE PÚBLICO. DEBUTARON 2 TROMPETISTAS E HOUBO DANZA.

A Banda de Música Municipal de Ribadeo, dirixida por David Ballester Martínez, ofreceu o seu tradicional concerto de Nadal Aquí como en Viena na noite de onte, sábado, no auditorio municipal Hernán Naval, que estivo ateigado de público. Nesta actuación debutaron os trompetistas Aliyu Naike Bauer e Anxo Novás Sordo e houbo tamén danza a cargo do grupo de ballet da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo.
 
Ao ser o día dos Santos Inocentes antes de empezar o concerto fixeron unha broma dicindo que o director da Banda ribadense estaba lesionado porque caera polas escaleiras e polo tanto había que suspender o evento, pero a continuación tranquilizaron ao público poñendo a música de Inocente, Inocente. Seguidamente a presidenta da asociación Amadores da Música, Elisa Álvarez Amor, deu a benvida aos dous novos compoñentes da Banda.
 
A primeira obra interpretada foi Así habló Zaratrustra, amencer, de Richard Strauss, na que houbo acompañamento de danza e un percusionista tocando os timbais disfrazado de cavernícola. Despois intepretaron Coffee serenade, de Ted Huggens, peza na que os percusionistas Carmen López Diniz e Carlos Villar Pérez usaron como instrumentos cuncas e teteiras e bailou Cristina Pérez Díaz. E seguidamente ofreceron, fóra de programa, a banda sonora de Regreso al futuro, con David Ballester caracterizado como o protagonista desa película, McFly.
 
A continuación a Banda de Ribadeo interpretou tres temas nos que se mesturaban estilos e compositores diferentes: Bolero de Nöel, de Suzzane Welters; Vivat Mozart, de Kees Schoonenbeek; e Sinfonía nº 5-Mambo nº 5, de Ludwing van Beethoven e Pérez Prado, con arranxos de Rafa Vizcaíno. Nesta última peza da primeira parte do programa cantaron e bailaron os compoñentes da Banda.
 
Na segunda parte tocaron música típica do concerto de Aninovo en Viena: Danza húngara nº 5, de Johaness Brahms; Marcha militar nº1, Op. 51, de Franz Schubert; Pizzicato polka, de Johann e Josef Strauss; e The second waltz, de Dimitri Shostakovich. Nesta última peza houbo danza, ao igual que no primeiro bis, O Danubio azul. Ademais a Banda interpretou a Marcha Radetzky. 
 
David Ballester agradeceu a presenza do público e o esforzo realizado polos músicos para preparar este concerto xa que na primeira parte todas as obras foron interpretadas por primeira vez. Tamén deu as grazas ao grupo de ballet da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo e a colaboración da súa profesora María Justo Pérez.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...