A BANDA MUNICIPAL DE RIBADEO DEDICARÁ ESTE ANO O CONCERTO DE SANTA CILLA AOS PASODOBRES. SERÁ O DÍA 25 DESTE MES NO CINE TEATRO.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo dedicará este ano o tradicional concerto de Santa Cilla, patroa dos músicos, aos pasodobres. A actuación terá lugar o sábado 25 de novembro ás 20:30 horas no Cine Teatro ribadense.

O director da Banda de Ribadeo, David Ballester, anuncia que “o 25 de novembro, ás oito e media da tarde no Cine Teatr, terá lugar o tradicional concerto de Santa Cilla da Banda Municipal de Música de Ribadeo, na honra á patroa dos músicos”.
 
David Ballester explica que “como todos os anos, teremos dúas partes neste concerto. Unha na que actuarán como solistas membros da banda, neste caso interpretarase un concerto de oboe, que o tocará Isaac Pazos Pérez; é un concerto de Alessandro Marcello da época barroca, dunha adaptación de orquestra de cordas para banda. Despois o seu irmán, Nicolau Pazos Pérez, tocará co saxo alto Baghira, de Ferrer Ferrán, que é unha obra un pouco inspirada no Libro da selva”.
 
O director da banda engade que “o resto do concerto farémolo un pouco temático. Este ano ímolo dedicar aos pasodobres. Ofreceremos un concerto de pasodobres variados e de todas as temáticas”.
 
Para rematar Ballester comentou: “esperamos que a xente que nos veña escoitar o 25 de novembro disfrute tanto dos nosos solistas como da interpretación que imos facer dos pasodobres. Ademais seguramente se nos incorpore un novo músico. Estes días atrás tivo un pequeno contratempo e entón estamos vendo se finalmente vai poder estrearse neste concerto. E se non é posible seguramente para o seguinte concerto da banda xa estará con nosoutros”. 
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...