A BANDA MUNICIPAL DE RIBADEO OFRECERÁ O SEU CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS O 19 DE MAIO NO CINE TEATRO. NESTA ACTUACIÓN DEBUTARÁN CATRO MÚSICOS.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto das Letras Galegas o sábado 19 de maio ás 20:30 horas no Cine Teatro. Nesta actuación debutarán catro músicos.
 
O director da Banda ribadense, David Ballester, anuncia que “chegadas estas datas de maio a Banda Municipal de Música de Ribadeo vai facer o seu tradicional concerto dedicado ás Letras Galegas. Será o sábado 19 de maio ás oito e media da tarde no Cine Teatro”.
 
David Ballester subliña que “debido a que é o concerto das Letras Galegas nós imos enfocalo, como non podía ser doutra maneira, con música galega, de temática ou de compositores galegos como poden ser Xoán Montes, Juan Lois Diéguez, David Fiuza ou Reveriano Soutullo, interpretando diferentes tipos de música desde pasodobres a muiñeiras e  habaneras. Creo que vai ser un repertorio ameno e quero destacar que de todas as obras que imos tocar só hai unha delas que a Banda xa interpretou, o resto vai ser todo obras que tocamos por primeira vez. Creo que é importante resaltar isto porque tamén no último concerto de Semana Santa da Banda Municipal de Música de Ribadeo interpretamos nove pezas das cales oito era a primeira vez que se tocaban, e neste concerto vai ser un pouco do mesmo”.
Ballester salienta ademais: “temos a sorte de que a Banda vai crecendo pouco a pouco e neste concerto van facer unha pequena intervención catro novos compoñentes. Debido a que levan pouco tempo con nosoutros ensaiando, pero están con moitas ganas, propuxémoslles que se iniciasen neste concerto tocando nun par de obras; e aí van estar. Son Andrea, que toca a trompa; Ángel, a trompeta; e dous clarinetes, Patricia e Uxía. Isto quere dicir que a familia da Banda Municipal de Música de Ribadeo segue crecendo e esperamos que continúe así durante todo este ano”. 
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...