A BANDA MUNICIPAL DE RIBADEO OFRECEU O CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS, O PRIMEIRO DESDE QUE TOMOU POSESIÓN A NOVA DIRECTIVA DE AMADORES DA MÚSICA

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofreceu o seu tradicional concerto das Letras Galegas este pasado sábado no Teatro ribadense. É a primeira actuación da Banda desde que tomou posesión a nova xunta directiva da asociación Amadores da Música, que preside Chema Suárez.

Antes de empezar a interpretación das pezas do concerto, unha vocal da nova directiva, a clarinetista Lucía Expósito, explicou: “hoxe celebramos por adiantado o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ó poeta lucense Manuel María debido á súa extensa obra poética e ó seu compromiso coa recuperación da cultura galega. Con tan só 19 anos converteuse no poeta máis novo que publicaba en galego durante a posguerra, colaborou coa revista Alba, ademais de impartir conferencias, recitar poemas e presentar a Nova Canción Galega: un movemento de protesta a través da canción que xurdiu en Galicia entre o ambiente estudantil da Universidade de Santiago de Compostela”. Ademais Lucía Expósito fixo “unha especial mención ó compañeiro de Foz Arcadio Mon García, falecido o pasado 26 de abril, debido a que foi durante anos un referente da música na Mariña e o fundador tanto da Banda de Música de Foz como da súa escola de música”. E rematou agradecendo a anterior directiva de Amadores da Música “o seu traballo coa Banda” e manifestando “as nosas mellores intencións con esta e as ganas que temos de traballar por ela”.

A continuación a Banda, dirixida por David Ballester Martínez, ofreceu os temas Rosa de Abril, O chopo, Os teus ollos, Airiños Aires, Estrasantico, Muiñeira dos Pendellos e Churrusqueira, todos eles de compositores galegos. A segunda e a última destas pezas foron interpretadas por primeira vez pola Banda ribadense, que despois obsequiou ao numeroso público cun bis, Banda Galega, e rematou o concerto coa interpretación do himno galego.

O próximo concerto programado pola Banda Municipal de Música de Ribadeo na vila ribadense será con motivo do Día da Patria, o 25 de xullo, ás 20:30 horas no Parque de San Francisco.
 

Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...