NOVE MÚSICOS DEBUTARÁN COA BANDA MUNICIPAL DE RIBADEO NO SEU CONCERTO DE SANTA CILLA, QUE SERÁ O 23 DESTE MES NO AUDITORIO HERNÁN NAVAL.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Santa Cilla o día 23 deste mes, sábado, ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval. O director da formación, David Ballester, salienta que nesta actuación debutarán nove músicos, que se incorporaron recentemente á banda, algo que considera moi importante.
 
Ballester explica que “novembro é un mes especial para os músicos, xa que neste mes é a nosa patroa, Santa Cilla, e como non podía ser menos a Banda Municipal de Música de Ribadeo o sábado 23 ás oito e media da tarde fará o seu concerto de Santa Cilla. Este ano será no auditorio Hernán Naval”.
 
O director da Banda ribadense engade: “como todos os anos, sempre me gusta que algúns dos integrantes da Banda actúen como solistas. Imos ter dúas obras nas que, nunha delas, seis clarinetes van ser solistas, e logo unha obra para trombón e banda na que un dos nosos trombonistas, Daniel, vai ser o solista”.
 
David Ballester engade que “o resto do concerto, como en anos anteriores, vai estar dedicado este ano a un arreglista que se chama Frank Bernaerts, e imos tocar obras que arranxou el de diferentes grupos. A gran maioría do repertorio vai estar por primeira vez nos atrís da Banda Municipal de Música de Ribadeo”.
 
Ballester salienta que “unha das cousas para min máis importantes e que nos fan falta agora mesmo na Banda é a incorporación de novos músicos. Neste día 23 de novembro van debutar coa Banda nove músicos, entre clarinetes, trompetas, trombón, percusión, o que é importante xa que, como pasa en todas as agrupacións, chega un momento en que algúns dos músicos teñen que marchar fóra por temas de estudos ou de traballo, e así redúcese a banda. Pero nesta ocasión pasa todo o contrario, en vez de marchar incorpóranse nove músicos e é algo importante para manter a nosa banda”.
 
O director da Banda ribadense quere “animar á xente que se atope por Ribadeo ese día a que se achegue ao auditorio Hernán Naval ás oito e media da tarde o sábado 23 de novembro”.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...