A BANDA DE RIBADEO DEDICARÁ Á MÚSICA DE CINE O CONCERTO DE SANTA CECILIA QUE OFRECERÁ O 22 DE NOVEMBRO.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo dedicará á música de cine o tradicional concerto de Santa Cecilia, que ofrecerá o día 22 de novembro, sábado, ás 20:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval.
 
O director da Banda ribadense, David Ballester Martínez, anuncia que “despois dos meses de setembro e outubro con varias actuacións -en Vidal, en Barreiros, en Arante e en Narón- chega novembro, mes no que sempre facemos o concerto de Santa Cecilia, que é a patroa dos músicos. E este ano trasladamos a ese día, o 22 de novembro, o concerto de música de cine que facíamos habitualmente en agosto”.
 
David Ballester destaca que nesa actuación “todas as obras, a excepción dunha, van ser tocadas por primeira vez, o que creo que demostra un estado de saúde moi bo da Banda Municipal de Música de Ribadeo. E vai ser un repertorio moi variado: desde películas de animación, outras un pouco máis de acción, de distintas épocas, que podemos disfrutar todos, tanto nenos como pais e avós”.
 
O director da Banda de Ribadeo remata convidando “a toda a xente a que se achegue o sábado 22 de novembro ás oito e media da tarde ao auditorio Hernán Naval para disfrutar desa conxunción da música coa proxección de imaxes das películas das que imos tocar as súas bandas sonoras”.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...