Breve historia da BMMR

A tradición musical da Banda de Ribadeo remóntase ó século XIX, cando a iniciativa da Sociedade Filantrópico-Dramática constitúese unha banda ó redor do 1880. Estivo temporalmente baixo a dirección de Manuel Sánchez, facéndose con posterioridade cargo da mesma Baldomero Latorre.

Tras diversos altibaixos nos anos sucesivos, a guerra civil acabou por espallar os poucos efectivos que ficaban.

En 1943 reorganízase a academia de música, contratándose a Jesús Pérez Rivas como director da mesma e da renacida Banda. En 1946 pasa a ser dirixida por Carlos Álvarez Fernández-Cid, que no verán de 1947 deixa o seu posto por enfermidade a Salvador Calatayud. Dous anos máis tarde a dirección pasa a Emilio Carricoba. Tras unha nova etapa de crise, a banda desaparece novamente en 1960.

Chegamos así a 1988, ano no que se constitúe a Asociación Amadores da Música, que contacta con Hernán Naval para a formación musical dos asociados ata acadar o nivel necesario para a creación dunha banda de música; a gran estrea desta nova Banda tería lugar o 25 de xaneiro de 1992 na igrexa parroquial santa María do Campo cun programa que axuntaba tradición e modernidade e que resultaría un éxito rotundo para aqueles 41 músicos e músicas de idades comprendidas entre os dez e os cincuenta anos. Ao ano seguinte e en virtude dun convenio asinado entre o concello de Ribadeo e a Asociación Amadores da Música a banda pasaría a chamarse Banda Municipal de Música de Ribadeo.

A BMMR dende o seu nacemento tivo un carácter educativo, tanto para o público coma para a propia Banda e rompeu cos atavismos das “dianas” e pasarrúas coma único horizonte das bandas de música populares. Abriu un camiño e un estilo propio que continúa vivo nos seus obxectivos. A día de hoxe podemos presumir que máis de 200 músicos e músicas formaron a BMMR dende os seus inicios, e segue sendo o lugar de encontro para tódolos amantes da música instrumental.

Rematando o ano 1997, editou un primeiro CD (feito parcialmente en directo) no que participou o pianista cubano Antonio Queija Uz interpretando o Andante Spianato e Gran Polonesa Brillante op. 22 de Frédéric Chopin, acompañado pola propia Banda. No 2001 un segundo CD estaba a punto de rematar cando se produce o falecemento de Hernán Naval. Este proxecto quedou en suspenso e sería rematado uns meses despois baixo a dirección de Marcel Van Bree.

Da man do mestre Hernán Naval Parapar ofreceu concertos nas principais cidades de Galicia: nos teatros Colón e Rosalía de Castro na Coruña, na Praza Quintana de Santiago, no Círculo das Artes de Lugo, na Catedral de Ferrol, etc. Fóra de Galicia ten actuado: en Madrid na Vaguada, Hotel Foxá e Praza Maior; en Barcelona na Praza Provençals e Praza Real; en Oviedo, representando a Galicia no Festival Estatal de Bandas celebrado no Teatro Campoamor; en Aranjuez, no Auditorio Isabel de Farnesio; en Portugal, en Loures, Lisboa e Tomar, e máis en Murcia. Tamén ten feito en varias ocasións gravacións tanto para RTVG coma para TVE. En 2007 participou no primeiro Certame Nacional Vila de la Sénia (Tarragona), concurso no que obtivo o recoñecemento dos membros do xurado e do público en xeral. No ano 2008 gravou, nos estudios Mans da Coruña, a banda sonora da película rodada en Rinlo “Los muertos van deprisa”. E no 2012 os Servizos de Producción da Radio Galega gravan a obra musical “Da Capo” de Juan Lois Diéguez (encargada polos pais de Almudena, trompista da Banda falecida aos 20 anos de idade en accidente de tráfico cando se dirixía ao Conservatorio)

Despois do pasamento de Hernán Naval no 2001, a Banda estivo dirixida por Marcel Van Bree, Mariano Rivas, José Luis Álvarez Braña, Bernardo Méndez Castro, Lourenzo da Silva Cruz e, dende Xullo de 2009, o seu director é David Ballester Martínez, brigantino de nacemento, e afincado en Ribadeo desde 2005, que exerce tamén como profesor de clarinete na Escola de Música e Danza de Ribadeo.

A nosa Banda fai, anualmente, unha serie de concertos en Ribadeo: Semana Santa, Letras Galegas, Festival de Bandas, Concerto de Indianos, Día da Patria Galega, concertos do Agosto Musical, concerto de Bandas sonoras de películas, San Roque, Concerto do socio/a, Día Grande de Ribadeo (8 de Setembro), Santa Cecilia e Aquí como en Viena, entre outros.

Actualmente, a Banda Municipal de Música de Ribadeo conta con máis de 60 instrumentistas, e algúns deles están cursando estudios en conservatorios superiores e profesionais, o que permite que o nivel da Banda vaia en aumento, sen esquecer ás novas xeracións, que son o futuro e a garantía para poder seguir soando.

José Manuel Yáñez Dablanca

 

Para ampliar e profundizar sobre esta historia podedes consultar o libro de Carlos Álvarez Lebredo: Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid.

 

DIRECTORES