A BANDA DE RIBADEO ENCHEU DE PÚBLICO O AUDITORIO HERNÁN NAVAL NO CONCERTO AQUÍ COMO EN VIENA, NO QUE HOUBO MÚSICA E HUMOR

A Banda Municipal de Música de Ribadeo encheu de público o auditorio Hernán Naval onte, sábado, no tradicional concerto de Nadal titulado Aquí como en Viena, no que ademais de música houbo moito humor, como é habitual nesta actuación da Banda ribadense, dirixida por David Ballester Martínez.
 
O concerto comezou coa interpretación de Sandpaper Ballet, de Leroy Anderson, na que actuaron como solistas Daniel Antolín Balea e ⁠Gael Bouso Galocha, que tocaron lixas, das que usan os pintores, do que ían disfrazados os dous percusionistas e tamén David Ballester. A continuación a Banda de Ribadeo interpretou estas pezas: Let is snow!, arranxada por Johnnie Vinson; Santa Claus is comin’ to Town, con arranxos de Michael Kamuf; Rudolph the red-nosed reindeer, arranxada por Michael Brown;  Christmas a la Big Band, con arranxos de Larry Clark; e Pop Español en Concierto, arranxada por Manuel Castrejón.
 
E na segunda parte tocaron En los montes de Krapfen, de Johann Strauss con arranxos de David Ballester, na que actuou de solista José Pillado Torres; Zivio, de Johann Strauss e arranxada por John Glenesk; Music from Carmina Burana, de Carl Orff con arranxos de Jay Bocook; The Second Waltz, de Dmitri Shostakóvich e arranxada por André Waignein; e Destellos del Alba, de Ferrer Ferran. Nesta última obra o director da Banda de Ribadeo contou coa colaboración do público, que participou levantándose e movéndose aos lados seguindo as indicacións de David Ballester.
 
Os bises foron o vals El Danubio Azul e a Marcha Radetzky, as dúas de Johann Strauss. Antes de tocar esta última peza saíu o percusionista Gael Bouso coa caixa marcando ritmos e o director chamoulle a atención en plan cómico e despois David Ballester interactuou co público durante toda a interpretación deste tema.
 
O director da Banda ribadense, que cambiou de vestimenta varias veces durante o concerto para caracterizarse segundo as pezas que interpretaban, agradeceu a colaboración do Concello e dos operarios Wilmar, Francisco e Xera polo laborioso traballo de montaxe para este evento.
 
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...