A BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DE RIBADEO OFRECERÁ O TRADICIONAL CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS O 27 DE MAIO NO CINE TEATRO.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto das Letras Galegas o día 27 de maio, sábado, ás 20:30 horas no Cine Teatro. O director da formación, David Ballester, salienta que este ano, coincidindo co 25 aniversario da creación da banda, homenaxearán ao seu primeiro director, Hernán Naval.
 
David Ballester anunciou que “o 27 de maio terá lugar o tradicional concerto das Letras Galegas da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Este ano coincide varios días máis tarde do 17 de maio debido a que a algúns dos músicos témolos agora de excursión de final de curso e outros están ocupados cos exames finais. Entón para poder ofrecer un mellor concerto decidimos aprazalo estes dez días”.
 
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo explicou tamén que “o programa, como todos os anos neste concerto, será unha mestura de obras galegas de diferentes tipos, tanto xotas como muiñeiras e pasodobres, todas elas de carácter galego ou de compositores galegos”.
 
David Ballester subliñou ademais que “como non podía ser menos, sendo este ano o 25 aniversario da banda, tamén tocaremos Lonxe do mar, obra do que fora o primeiro director e fundador da banda, Hernán Naval”.
 
O director da Banda ribadense rematou invitando “a todos os ribadenses e á xente que se atope ese fin de semana por Ribadeo a que se acheguen a escoitar e gozar do concerto das Letras Galegas, o 27 de maio, ás oito e media da tarde no Cine Teatro”.
 
Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...