CHEMA SÚAREZ É O PRESIDENTE DA NOVA DIRECTIVA DE AMADORES DA MÚSICA, QUE ESTÁ FORMADA POR 12 MEMBROS

A asociación Amadores da Música, de Ribadeo, ten nova xunta directiva, que preside Chema Suárez e está formada por 12 membros. Foi a única candidatura presentada na asemblea de socios celebrada o pasado sábado.

Ademais de Chema Suárez, esta directiva está formada por Diego Vizoso, como vicepresidente; o tesoureiro é José Ángel Bolaño; de secretario está Javier Abellán; e Berte Chao é o responsable de material. Os vocais son David Ballester, Lucía Expósito, Laura Izquierdo, Alberto Clemente, Elisa Álvarez, María Teresa Martínez e Antonio Andina.

O novo presidente de Amadores da Música explicou que “visto que non se presentaba ninguén para a directiva dunha institución con 24 anos daba un pouco de pena que se disolvese. Ademais somos xente toda vinculada coa Banda, un alto número somos músicos dela, e tamén se presentou algunha xente que xa estivera comigo noutra directiva, cando o presidente era Daniel Mon. Foi basicamente para solucionar o primeiro problema, que era a disolución de Amadores e por conseguinte a desaparición da Banda, que creemos que é un referente para Ribadeo e non nos apetecía nin nos gustaba que iso pasara. Foi o principal motivo de unirnos. Estivemos esperando, aínda que xa o tíñamos falado, para ver si se presentaba algunha outra candidatura. Hai nenos novos na Banda, incluso pensamos que igual algún pai tomaría esa decisión, pero non foi así e entón presentámonos. Xa levábamos falando desde a primeira asemblea este grupo de persoas, algunha delas membros desta anterior directiva presidida Luís Pulpeiro, que seguen. Ese foi o motivo principal. Desta directiva forman parte Diego Vizoso Castro, que é o vicepresidente, é bombardino da Banda; José Ángel Bolaño é o tesoureiro; Javier Abellán Torralba é o secretario; Berte Chao Penabad vai ser o responsable de material e almacén de instrumentos; David Ballester, actual director da Banda, vai levar a parte técnica e aínda que non é un cargo que agora mesmo estea nos estatutos pero parécenos que é a persoa máis indicada; Lucía Expósito que é clarinetista da Banda; Laura Izquierdo, músico tamén da Banda que toca o fagot; Alberto Clemente Avilés, que é unha incorporación recente como músico da Banda; Elisa Álvarez Amor; María Teresa Martínez Souto, que xa era a responsable de vestiario coa anterior directiva, ofreceuse a seguir con nosoutros e estamos encantados de tela; e Antonio Andina Penabad tamén, como vocais todos estes últimos”.

Chema Suárez engadiu que “unha vez solucionado o primeiro grave problema, que era a disolución, agora quédanos outro importantísimo, que non soamente non vai ir a menos senón que pode ir a máis, como é a carencia de músicos. Hai un problema serio aí a pesar de que hai unha importante canteira na Escola de Música. Realmente fannos falta músicos de todas as cordas pero principalmente metais, é dicir trombóns, trompas, bombardinos, trompetas, …. Tamén temos un pouco de carencia de percusionistas porque houbo incorporacións novas pero loxicamente están empezando e os que levaban tempo están fóra por razóns de estudos. Contamos con eles sempre en pontes e festivos, e os que están estudando máis cerca acoden. A Escola ten unha boa canteira pero nos instrumentos que máis carencia temos, como son os metais tampouco, a Escola ten agora mesmo un número elevado deses alumnos. Hai moitos rapaces e rapazas en percusión ou frauta, que tamén necesitamos algunha, e clarinete, pero os instrumentos de metais aquí teñen menos aceptación por parte dos rapaces e as rapazas, cousa que non pasa cara ao sur de Galicia, que é o que máis lles tira e teñen unhas canteiras importantísimas. O problema é importante. Por exemplo para o próximo curso hai moitos músicos da Banda moi relevantes, un número importante para nosoutros, que se vai fóra a estudar. Se se van a Santiago, Coruña ou Oviedo imos poder contar con eles, pero hai xente que se vai ir para Barcelona, co cal quedan moi limitadas as veces que van vir a Ribadeo durante o curso. Estamos mirando algunha solución, como recuperar algún músico de antes, e hai dous que xa nos dixeron que igual estaban dispostos a volver; e tamén mirar a maneira de captar algún outro músico, como este compañeiro noso Alberto Clemente, que por razóns laborais veu para esta zona e pediunos de tocar na Banda. Pode haber algún músico por aí que igual non nos di nada ou non se atreve. Imos mirar un abanico de posibilidades a ver si imos solucionando”.

O presidente de Amadores da Música tamén comentou que “esta nova directiva manterá unha estreita relación co Concello, tal e como había ata agora, e incluso intentaremos mellorala, se é posible”.

Concerto das Letras Galegas este sábado

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto das Letras Galegas este sábado, día 7 de maio, ás 20:30 horas no Teatro ribadense.

O director da formación, David Ballester, anunciou que nesta actuación “a temática vai ser toda sobre música e compositores galegos e interpretaremos diferentes tipos de pezas, como xotas, muiñeiras, alboradas, pasodobres, … Quero invitar a toda a xente que estea este fin de semana en Ribadeo a que se achegue a gozar da música galega interpretada pola Banda Municipal de Música de Ribadeo, que neste concerto tocará dúas obras por primeira vez”.

Facebook Twitter Vimeo Share to Stumble Upon More...