A Xove Banda de Narón e a Municipal de Ribadeo actuarán no XXVIII Festival de Bandas ribadense, que será este sábado, día 19 de xullo.
O director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester, anuncia que a formación “continúa coa súa programación de verán, despois de participar o 12 de xullo no Ribadeo Indiano. O sábado 19 teremos unha nova edición do Festival de Bandas, que xa vai pola vixésimo oitava. Neste caso contaremos coa presenza da Xove Banda de Narón e a propia Banda de Ribadeo. Faremos un pasacalles dende o Teatro ata o Campo de San Francisco ás sete e media da tarde; e a continuación, ás oito, no auditorio Hernán Naval terá lugar o festival, no que empezará a Xove Banda de Narón e logo actuaremos nosoutros”.
David Ballester engade que “o repertorio vai ser bastante variado, polo que eu creo que a xente que se achegue ese día a disfrutar do Festival de Bandas vaino pasar ben”. E remata convidando “a toda a xente que se atope esta fin de semana por Ribadeo, concretamente o sábado, a ese pasacalles dende o Teatro ata o Campo de San Francisco ás 19:30 horas e a continuación no auditorio, ás 20:00 horas, o Festival de Bandas”.