A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá un repertorio totalmente novo de bandas sonoras con imaxes das películas para celebrar Santa Cilla. Será este sábado, 21 de novembro, no auditorio municipal Hernán Naval.
O director da Banda ribadense, David Ballester Martínez, anuncia que “o 22 de novembro é a patroa dos músicos e a Banda Municipal de Música de Ribadeo non pode facer outra cousa que celebralo con música. Teremos o concerto de Santa Cilla o sábado 21 de novembro ás oito da tarde no auditorio Hernán Naval. Vai estar dedicado a bandas sonoras e interpretaremos un repertorio totalmente novo; todas as obras tocarémolas por primeira vez nesta actuación e irán acompañadas por imaxes das películas ás que corresponden esas pezas musicais”.
David Ballester convida “a toda a xente que se atope este sábado 21 por Ribadeo a que se achegue ao auditorio Hernán Naval ás oito da tarde a desfrutar tanto da música como da proxección de imaxes das películas, que son para todos os rangos de idade, tanto para nenos como para non tan nenos. Para os que foron nenos nalgún momento tocaremos pezas de películas que se viron cando éramos máis novos algúns de nós”.
