O percusionista Enzo García Fernández debutou coa Banda Municipal de Música de Ribadeo no concerto do Día da Patria, actuación na que a formación dirixida por David Ballester Martínez estivo acompañada nalgunhas das pezas que interpretaron por gaiteiros que forman parte do alumnado da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. Esta actuación trasladouse do Campo de San Francisco ao auditorio municipal Hernán Naval debido á inestabilidade meteorolóxica que houbo na xornada de onte, sábado.
A Banda de Ribadeo tocou: Zivio, de Johann Srauss con arranxos de John Gleneski; Return of the vikings, de Bert Appermont; King Arthur, de Hans Zimmer e arranxada por Erick Debs; Pasodobre San Roque, peza tradicional na que actuou como gaita solista Xela Basanta Rodríguez; Noites de lúa na praia, de E. Campos, na que participaron como gaitas solistas María José Pérez Acevedo e Daniel Rodríguez Saavedra; Music from Carmina Burana, de Carl Orff con arranxos de Jay Bocook); Es Vedrá, de José A. Pina; e Sonidos indianos (Carioca - Frenesí - Caballo viejo), adaptada por David Ballester. Ademais interpretaron de bis o pasodobre O chopo, de Manuel Iglesias Domínguez, para rematar o concerto co himno galego.
O director agradeceu ao Concello de Ribadeo e a Xera, Francisco e Wilmar a súa colaboración.


